PORTA DO TEMPO

A Historia non a fan os presidentes, nin os banqueiros nin os monarcas, senón que a Historia a facemos a xente do común, é dicir, todos nós. De tal xeito que cando dentro de 100 anos os nenos e nenas do Martín Codax estuden a Pandemia do ano 2020, estudarán non só o impacto económico da COVID-19 e as medidas de desescalada, senón tamén como vivimos alumnos/as, pais/nais e mestres/as este momento histórico.

É por iso que queremos facilitarlle a tarefa aos alumnos e alumnas do futuro creando unha cápsula do tempo na que se recollan os nosos pensamentos, as nosas creacións e a nosa música, entre outras moitas cousas.

Pero debemos reflexionar sobre que é o que queremos incluír: un vídeo, un texto dun xornal, un texto propio, unha foto, unha poesía, un deseño... Sen olvidar falarlles de nós, das nosas inquedanzas, dos nosos desexos... porque lembrade, a Historia é de todos nós.



A nosa cápsula do tempo abriráse en dous momentos: no ano 2024 e no ano 2120. Está claro que na cerimonia de apertura do 2024 estaremos todos presentes polo que unha parte do texto sobre vós pode ir dirixido aos "vosos eu do futuro".

Aquelas mensaxes, traballos ou creacións realizadas en formato dixital podedes enviarllas por mail aos vosos titores, mentres que aquelas aportacións en formato papel debedes entregarllas tamén a eles o día que vaiades buscar os vosos traballos á escola. Lembrade poñerlle o voso nome e apelidos a todo para saber a aportación de cada un de vós.